Wednesday 15 de May de 2024

Moeche inicia o proceso selectivo para contratar unha técnica ou técnico de turismo


O Concello publicou a finais do mes de maio as bases polas que se está rexendo nestes momentos o proceso de selección dunha persoa que, por primeira vez, se encargue de ofrecerlle a quen nos visite información turística sobre o territorio. Ata agora Moeche dispuña dunha profesional que atende o Castelo e o Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña e, ao cabo do proceso de contratación iniciado recentemente, tamén contará cun técnico ou técnica que desenvolverá accións de dinamización turística máis aló da atención ao público, como por exemplo a preparación de contidos específicos para folletos ou para a web municipal ou a asistencia na planificación de rutas, nomeadamente as relacionadas co coñecemento xeolóxico do territorio ou aquelas que inclúan outros elementos patrimoniais e culturais. A contatación prolongarase durante un período de 5 meses e, ademais, do proceso derivarase unha bolsa da que o Concello poida tirar no futuro para cubrir posibles baixas ou renuncias durante a vixencia do programa, que conta cunha subvención de preto de 6.500 euros da Deputación da Coruña.

Para iniciar o procedemento de contratación, o Concello publicou en primeiro lugar as bases e, deseguido, solicitoulle ao Servizo Público de Emprego de Galicia que lle remitise un listado de persoas candidatas que se axustasen ás características do posto en base á súa titulación e á súa condición de demandantes de emprego. O servizo comunicou os nomes de tres candidatas que durante estes días estiveron presentando a documentación requirida nas bases -identificación, certificacións académicas e de méritos- e que, case con total seguridade, deberán presentar a semana que vén o seu propio proxecto de actividades.

A selección farase en tres fases asimilables a un concurso oposición. A primeira levarase a cabo coa valoración dos méritos con ata 10 puntos, que poderán obterse pola formación acumulada, o coñecemento acreditado do galego e do inglés, polos cursos ou mestrados relacionados coa actividade e por estar en posesión do carné de Guía Turístico Especializado de Galicia. A segunda fase -ata 15 puntos- consistirá na preparación e presentación dun proxecto ou memoria referida ás accións que a aspirante desenvolvería en Moeche de obter o posto. A última das probas, referida ao dominio do galego, non puntúa, pero si deberá superarse. Consistirá nun exame de aptitude sobre galego que se desenvolverá coa redacción dun documento e cunha entrevista onde unicamente se avaliará a competencia oral.

As funcións que deberá desempeñar a persoa contratada son as de atender en horario de mañá na Casa do Concello o público que requira de información turística sobre o territorio, mentres que polas tardes estará no castelo, onde xa traballa unha técnica ofrecendo información sobre a fortaleza e sobre as revoltas irmandiñas. Tamén se ocupará de facilitar información do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas e doutros elementos dispoñibles na provincia. Por outra banda, o contrato reflicte accións de dinamización turística e de programación -rutas, deporte, feiras, festas, etc.- así como a colaboración no deseño e elaboración de contidos para as seccións turísticas da web municipal e das redes sociais.

O contrato faise para un período de 5 meses cunha xornada de 30 horas semanais e un salario de 939,68 euros. Os custes da contratación financiaranse con cargo á liña de subvencións convocada pola Deputación da Coruña para axudarlles aos municipios de menos de 50.000 habitantes na contratación de persoal de información turística. O importe total da achega provincial ascende a 6.474,40 €.

A Deputación colabora tamén co Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña
Ademais de axudar na posta en marcha dun servizo de información turística xeral para os próximos meses, a Deputación da Coruña tamén colabora economicamente no funcionamento do Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña. A achega para este 2018 situouse en 15.000 euros -un 25% máis que o ano pasado- cos que se cobre a contratación doutra técnica que guía ás persoas visitantes polo centro e polo resto da fortaleza desde 2017.

A axuda provincial permite manter aberto o recinto durante todo o ano -agás nos períodos de descanso e de peche por mantemento-, xa que ata ese ano só podía visitarse durante as fins de semana. Neste caso o posto está ocupado por unha especialista en turismo que alcanzou a mellor puntuación no concurso oposición convocado o ano pasado para crear unha bolsa de emprego específica e cunha vixencia de tres anos.